Descrición
Cogomelo de cor branca cun sombreiro ovoide nos exemplares novos que despois se vai abrindo e tomando forma acampanada. Ten abundantes escamas pardas ou flocos, que lle confiren un aspecto de la.
As súas láminas son libres e delgadas, de cor branca cando son novas, logo rosadas e finalmente negras, como se chorreasen tinta.
O pé é longo e pode chegar aos 15 cm, esvelto, cilíndrico, oco e separable. Ten un anel branco, pouco visible, estreito, móbil e moi fráxil, coma todo o cogomelo.
A súa carne é tamén branca, de cheiro suave, e desfaise rapidamente, licuándose nunha especie de tinta negra, polo cal debe ser consumida o mesmo día da recolección.