100.000 árbores

Non debemos esquecer que as árbores son un recurso eficaz para potenciar a nosa saúde a moitos niveis.

Existe unha crecente preocupación sobre o impacto das nosas accións sobre a contorna e os seus recursos naturais, esencial como base para resolver os problemas ambientais.

O concello de Santiago considera fundamental, hoxe máis que nunca, desenvolver e promover estratexias para tratar de minimizar estas accións que desequilibran e desestabilizan o planeta. Nese sentido, as árbores son un bo recurso, pois axudan a mitigar moitos problemas ambientais. O seu valor é incalculable: producen osíxeno, purifican o aire, forman chans fértiles, axudan a evitar a erosión e reducen a temperatura ambiental entre outras moitas cousas. Ademais, son o centro dos ecosistemas e a diversidade biolóxica.

O termo municipal de Santiago inclúe unha importante masa arbórea, sendo crucial a súa conservación e mantemento, así como tamén incrementar o número de novos exemplares, e ademais, facelo con variedades de frondosas.

O “Carballo do Bosque do Banquete de Conxo” foi elixido “Árbore do ano en España 2022”, e o segundo no concurso “Tree Of The Year 2022” en Europa. Trátase dun exemplar de 250 anos de antigüidade, cunha importante significación histórica e cultural, sendo un referente para Galicia e para España.

O Concello de Santiago, durante o proceso de votación, promoveu a campaña ‘1Voto1Árbore’ co obxectivo de reforestar os espazos naturais do municipio. O compromiso era plantar 100.000 árbores autóctonas no termo municipal se se alcanzaba esa cifra de apoios. O período para realizar a plantación abarca desde este ano 2022 a 2030. A primeira fase da iniciativa contou coa implicación de diferentes colectivos como empresas, institutos ou colexios.

As plantacións realizadas no Concello de Santiago ata a data foron:

  • Monte Viso: 6.350 árbores
  • Parroquia de Grixoa. Lugar Entreínsuas: 513 árbores.
  • Fincas Polígono do Tambre: 1965 árbores.
  • Antigo vertedoiro/ Polígono de Costa Vella: 1780 árbores.
  • Monte Cruxeira: 450 árbores.
  • Monte de Zaramacedo: 1.500 árbores.
  • Monte de Bando: 350 árbores.
  • Finca San Marcos: 700 árbores.
  • Parroquia Santa Cristina de Fecha. Lugar de Lamela: 4.200 árbores.
  • Monte mirador de Conxo: 220 árbores.

Ir al contenido