Etapa 9 Monte A Cruxeira – Ermida de Santa Lucía
XIRO DE COMPOSTELA
XIRO DE COMPOSTELA
Comezamos no miradoiro de A Cruxeira que cobre o Val da Mahía para baixar a unha pista entre árbores para incorporarnos a un pequeno tramo asfaltado, desde onde se ve a zona sur da cidade. De volta ao carreiro as árbores conforman un túnel ao noso paso por un camiño que nos achega ao regato de Chaián.
Durante varios quilómetros o tramo avanza entre árbores, por pistas forestais ou antigos camiños, ata o descenso pola outra ladeira do monte desde onde se ve a Cidade da Cultura e o impoñente viaduto do Ave na parroquia de O Eixo.
Entrando no barrio do Castiñeiriño o trazado da nosa ruta superponse co Camino de la Geira y los Arrieiros. Xa na aldea de Outeiro podemos refrescarnos na fonte que se acompaña dunha ponte de pedra cega, un lavadoiro e un hórreo.
Baixamos para cruzar a AC-841 e introducirnos nunha bonita carballeira. Ao pasar a AP-53 á nosa dereita está a ermida barroca de A Uceira, unha fonte e un cruceiro.
Atravesamos a aldea de Bornais entre cultivos e casas tradicionais, podendo incluso parar a descansar nun parque infantil que nos queda á man dereita que dispón de bancos e fonte.
O último tramo pasa por baixo da N-525 para incorporarse en sentido contrario á Vía da Prata, no antigo Camiño Real de Piñeiro. Este conserva un pequeno tramo con empedrado que discorre paralelo ao rego de Angrois. Atravesa a aldea pasando á beira dunha carballeira onde está o campo da festa.
O último tramo discorre por rúas cubertas de parras que nos levan á capela de Santa Lucía onde tamén hai unha fonte e un cruceiro cun alto piar. Salvamos o río Santa Lucía por unha ponte de pedra e, máis afastado, na parte traseira da igrexa, podemos visitar un muíño ben conservado.
Distancia horizontal: 8,5 km
Tempo estimado: 2h 50´
Desnivel de subida: 546m
Desnivel de baixada: -704
Tipo de percorrido: Travesía
Mirador de A Cruxeira
Inicio da etapa: coordenadas
Líña de Autobus: Líña XG80719. Collese na Rúa da Rosa. Baixar na primeira parada do Milladoiro para seguir o roteiro andando
Aparcar na entrada do Milladoiro, xusto ao pasar a primeira rotonda. Desde alí subir a ponte peonil azul que cruza a estrada e seguir as indicacións.
Coordenadas:
N-550 Santiago-Milladoiro