ÁRBORES SENLLEIRAS DE SANTIAGO

“Cando plantamos árbores plantamos as sementes da paz e da esperanza”

Wangari Maathai

Árbores ou formacións senlleiras

A Xunta de Galicia crea o Catálogo galego de árbores senlleiras, a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, no que establece que terán a consideración de senlleiras, as árbores ou formacións de calquera especie, sexa ou non autóctona, situadas en propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección, atendendo ás excepcionais características do seu porte, dendometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético ou paisaxístico, ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras de especial protección.

Que supón a catalogación?

Os exemplares catalogados considéranse protexidos para todos os efectos, e prohíbese calquera acción que lle afecte negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. As persoas propietarias, no caso de habelas, terán axudas para coidalos. Ademais, aqueles proxectos que poidan ser unha ameaza para calquera destas especies catalogadas, precisarán autorización administrativa previa por parte da Xunta de Galicia. As condicións para solicitar a catalogación poden verse na web da Xunta.

Árbores senlleiras de Compostela

Xinkgo do Pazo de Fonseca

HIEDRA Hedera hibernica. Europa cántabro-atlántica. Liana. Folla perenne. En Galicia: silvestre, ligada aos robledales e outros bosques caducifolios
Nome científico:Ginkgo biloba
Altura:21 metros

Está incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 53A

Na actualidade só queda un exemplar macho de 21 metros. Orixinariamente foi plantado hai máis de 130 anos no que foi o primeiro xardín botánico da Universidade, xunto a un exemplar femia, que acadou os 27 metros, pero que houbo que retirar dado o seu mal estado en 2017. Compite en lonxevidade co xinkgo que hai no xardín botánico da Universidade de Granada, de 1889; o de Compostela plantouse en 1880. O xinkgo é a especie superior viva máis antiga do planeta, de aí o interese por parte dos estudosos. En Santiago hai algúns exemplares máis desta especie, por exemplo na Alameda, no Auditorio ou no Colexio Maior Xelmírez.  Estudosos coma Izco Sevillano, consideran que o xinkgo é unha especie “illada da evolución”, unha especie de fósil vivinte, e “toda unha rareza a nivel botánico”. Proba da súa fortaleza é que mesmo resistiu ás bombas atómicas sobre Hiroshima. No xardín das Pedras que falan en Fonseca, inaugurado en 2018, e acompañando o xinkgo, podemos ver varios textos gravados de importantes persoeiros da escritura galega e internacional. Neste espazo verde, tamén podemos atopar a Cápsula do Tempo proxecto Once Uns, da asociación Sentinel Wardrobe en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

SABÍAS QUE…

O xinkgo é coñecido como a “árbore dos 40 escudos”, porque era o que custaba no século XIX unha pequena fortuna que poucos se podían permitir. O nome orixinal desta árbore en chinés é yin xing, que significa albaricoque prateado. Hai exemplares que chegan a acadar os dous mil anos de antigüidade. É unha especie moi empregada na medicina tradicional chinesa e nipona, especialmente no tratamento de doenzas cardíacas.

Carballeira de San Lourenzo de Trasouto

Robleda San Lourenzo
Nome científico:Quercus robur
Nome común:Carballo
Perímetro normal máximo / medio / mínimo:5,3 / 2,9 / 21 metros
Altura máxima / promedio / mínimo:22 / 15 / 11 metros
Idade estimada:120 – 170 anos
 Está incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 18F

Estes terreos ao sur da Porta Faxeira, formaban unha gran fraga, que pertencía no s. XV aos condes de Altamira, que repartirán a propiedade en dúas áreas, destinadas a diferentes usos e receptores. Así, en 1546, doan a parte alta da fraga ao pobo de Santiago, a condición de que non se podería pechar, aforar ou arrendar, porque o seu uso é de arboredo e pasto común a disposición de todos os habitantes da cidade. Este espazo correspóndese co que hoxe é o parque da Alameda, onde está a carballeira de Santa Susana.

A parte baixa da fraga, a de San Lourenzo, quedoulle en usufruto aos monxes, pero coa desamortización de Mendizábal, a comunidade franciscana marcha deste asentamento en 1822.

SABÍAS QUE…

Agochados entre os carballos, hai unha fonte e dous cruceiros. Cóntase que Rosalía de Castro frecuentaba este lugar para inspirarse.

Sequoia Vermella do Campo da Estrela

SEQUOIA VERMELLA. Sequoia sempervirens. América. Folla perenne. (Alameda: 24 m, 100 anos). Pode vivir ata 2000 anos. Campo da Estrela.
Nome científico:Sequoia sempervirens
Nome común:Sequoia vermella
Perímetro normal:8 metros
Altura:24 metros
Diámetro da copa:12 metros
Está incluída no Catalogo galego de árbores senlleiras co código 153A
Tendo en conta que aparece en fotos de 1910, xa se pode dicir que pasa dos 100 anos. A sequoia, procedente da costa oeste dos Estados Unidos, chega a Europa a mediados do século XIX, e pasa por ser unha das especies de árbores das máis altas do mundo. En California hai exemplares que mesmo superan os cen metros, e son obxecto de protección en reservas coma a de Redwood. As sequoias medran en ambientes húmidos e non perden as súas follas, teñen forma piramidal e poden vivir moitos anos, de feito, a sequoia máis vella do mundo calcúlase que pode ter arredor dos 3200 anos. Na actualidade, o seu uso é basicamente ornamental.

SABÍAS QUE…

O seu nome alude a un mestizo dunha tribo cherokee , chamado Sequoiah ou Seequayah e coñecido por inventar unha escritura para a lingua do seu pobo.

A Perona do Paseo da Ferradura.

“A Perona” do Paseo da Ferradura
Nome científico:Abies nordmanniana
Nome común:Abeto do Cáucaso
Perímetro:1.57 metros
Altura:22 metros
Diámetro da copa:5 metros
Idade estimada:71 anos
Incluída no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 1A
Está situada en pleno centro de Santiago, no parque da Alameda, concretamente no paseo das Letras Galegas, xunto ás dúas ringleiras de palmeiras canarias, entre o monumento a Rosalía de Castro e a fonte dos condes de Altamira. Nos xardíns, adoita empregarse coma unha especie ornamental e cortalo xa non está permitido en moitos bosques.
SABÍAS QUE…
Esta árbore é coñecida como “A Perona”, porque se plantou con motivo da visita a Santiago de Eva Duarte e Juan Domingo Perón en xuño de 1947. Cóntase que Eva Duarte trouxo esta árbore dende Os Andes arxentinos ata Compostela.

Eucalipto do Paseo da Ferradura

Eucalipto do Paseo da Ferradura
Nome científico:Eucalyptus globulus labill
Perímetro:8.5 metros
Altura:35.4 metros
Diámetro da copa:23 metros
Idade estimada:120 – 140 anos

Está incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 45A

Atópase no paseo da Ferradura, preto do monumento a Pedro Pais Lapido.

SABÍAS QUE…

Pasa por ser un dos primeiros eucaliptos plantados en Europa, despois das exploracións do capitán Cook por Australia, na segunda metade do século XVIII.

Cedro Atlántico do Pazo do Hórreo

Cedro Atlántico do Pazo do Hórreo
Nome científico:Cedrus Atlántica
Perímetro:4,40 metros
Altura:21 metros
Diámetro da copa:25 metros

Está incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 148A

O recoñecemento deste exemplar no ano 2015 como árbore senlleira coincide coa celebración do centenario do edificio, hoxe sede do Parlamento de Galicia, que acolle esta árbore no seu xardín. Está situado no extremo esquerdo da fachada principal do Pazo do Hórreo, que tamén conta no seu xardín centenario con especies como alciprestes de Lawson, pitósporos da China ou palmeiras canarias.

SABÍAS QUE…
O pazo do Hórreo, que hoxe coñecemos porque alberga o Parlamento de Galicia, foi orixinariamente sede dunha escola de veterinaria e de 1925 a 1987 tivo un uso de acuartelamento militar.

Tileiro prateado da Alameda campo da estrela

Tilo plateado da alameda no campo da Estrela
Nome científico:Tilia tomentosa
Perímetro:3,8 metros
Altura:24,6 metros
Diámetro da copa:18,1 metros
Idade estimada:100 – 140 anos
Está incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras co código 105A

Probablemente sexa o tileiro prateado máis grande de Galicia. Está situado xunto á igrexa do Pilar, concretamente, no paseo central da Alameda. É o exemplar máis grande das aliñacións de tileiros e camelias desta zona do parque..

SABÍAS QUE…
Estas ringleiras completáronse en 1884 intercalándose camelias entre os tileiros achegadas pola veciñanza de Santiago, para quedar así separados os tres paseos do campo da Estrela.

Falso Ciprés da Silvouta

Falso ciprés da Silvouta
Nome científico:Abies nordmanniana
Nome común:Abeto do Cáucaso
Perímetro:1.57 metros
Altura:22 metros
Diámetro da copa:5 metros
Idade estimada:71 anos

Está incluído no catálogo galego de árbores senlleiras co código 156A

Localizado nunha propiedade privada, na Casa da Torre, na Silvouta. Foi plantado no s. XVIII, e calcúlaselle unha idade superior a 300 anos.

Para más info:

Cómo chegar:

  • A pé, dende case calquera punto da cidade, o que ademáis nos permitirá disfrutar da cidade histórica a moi pouca distancia.
  • En autobús urbano: a maioría das liñas de autobús teñen parada moi perto da entrada da Alameda, na rúa da Senra, ou na praza de Galicia, e quedaremos a moi poucos metros do noso destino.

Para máis información:  https://www.tussa.org.

  • Aparcadoiros: pode aparcarse no Campus Sur, e hai aparcadoiros de pago cubertos na praza de Galicia, no Parlamento de Galicia, en San Clemente, ou na rúa da Rosa.
Ir al contenido