Etapa 4 Carballeira de Nemenzo – Igrexa de Grixoa
XIRO DE COMPOSTELA
XIRO DE COMPOSTELA
Iniciamos a nosa etapa máis longa na carballeira de Nemenzo. Durante os seguintes dous quilómetros a vexetación alterna as praderías co bosque de piñeiros e carballos. Cruzamos a estrada e o Regato da Torta, para entrar nun tramo abrigado por carballos que nos leva á aldea de Quintáns. Atravesámola deixando nas proximidades a igrexa románica de Santa María de Verdía, do século XII e que conta con interesantes pinturas murais no seu interior.
A nosa seguinte parada é a área recreativa de Chaián, cunha zona para merendar e, segundo a estación, unha pequena cafetería. É posible avistar algunha garza ou pato, se somos afortunados. Os nosos pasos dirixiranse agora ata Vilar de Outeiro, para percorrer a continuación varios quilómetros de bosque de frondosas que dan paso a un fragrante eucaliptal.
Cruzaremos varias aldeas ata a igrexa barroca de Santa María da Peregrina construída en 1795. Nun dos seus laterais achamos unha carballeira onde gozar dun palco da música, un cruceiro e a casa reitoral.
O carreiro prosegue entre campos e cultivos, onde se é tempada, veremos os grelos típicos desta parroquia. Atravesamos a aldea tradicional de O Bargo, cos seus cruceiros ata o regato Gatofero. Crúzase pola ponte de estilo medieval con arco de pedra, que forma parte do Camiño Real, e que comunicaba Santiago coa comarca de Bergantiños. Seguindo o río agárdanos un tramo de algo máis dun quilómetro cunha fermosa fervenza e dous muíños que, a partir de aquí, seguirán aparecendo con frecuencia no noso camiño. A humidade da zona permite que se manteña unha cuberta vexetal de fentos e musgo nun frondoso bosque de carballos, abeleiras, loureiros, acivros e xibardas entre outros.
Accedemos a un tramo asfaltado que nos vai separando do río onde aínda hai outra ponte medieval á vista. Finaliza a etapa a subida á Igrexa de Santa María de Grixoa de estilo barroco. Nas inmediacións tamén hai un cruceiro e unha casa reitoral cun pombal.
Distancia horizontal: 16 km
Tempo estimado: 5h 20´
Desnivel de subida: 533m
Desnivel de baixada: -595
Tipo de percorrido: Travesía
Carballeira de Nemenzo
Inicio da etapa: coordenadas
Líña C6 ou C11: hasta Fontiñas.
Ir ata a Avda. Rodríguez de Viguri, 16
Esperar o autobus SIGÜEIRO-ORDES XG81762
Baixarse en Enfesta
Camiñar 1,84 kms. ata Nemenzo
Coordenadas:
Estrada Santiago – Sigüeiro
No punto 42,9437363 – 8,4770225 tómase a AC-462 e desde ahí, por estradas locais, o punto GPS de saida da ruta