Etapa 8 Portela de Villestro – Monte A Cruxeira
XIRO DE COMPOSTELA
XIRO DE COMPOSTELA
Iniciamos a nosa etapa en Alto do Vento e avanzamos desfrutando das carballeiras de Portela de Villestro. Tras un pequeno tramo baixamos á AC-543 onde acompañaremos durante uns metros ao regato de Roxos.
Chegamos a un dos tramos máis fermosos desta etapa que atravesa a carballeira de O Souto. Nas proximidades o regato de Roxos serpea en fervenzas, rápidos e piscinas naturais, enmarcado por grandes superficies de roca e vexetación, creando unha paisaxe digna de ver. Tamén na zona, atópanse as ruínas da Fábrica de papel do Pego e o petróglifo do Souto.
Saímos da zona boscosa nas beiras do Sar para atopar a man dereita varios muíños hidráulicos e un falso ciprés incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras. Os camiños aquí son de terra limpos ou empedrados.
Emerxemos do bosque e continuamos camiñando por un tramo asfaltado da zona máis rural de Laraño, que combina praderías e cultivos agrícolas con vivendas, ata nos adentrar na bonita carballeira que se atopa detrás do cemiterio. Cruzamos as vías do tren para chegar á igrexa de San Martiño, que se rodea de arboredo, un cruceiro, o palco da música, unha fonte e un lavadoiro.
Ascendemos polo lugar de Santomil ata nos adentrar nun bonito carreiro custodiado por carballos. Tomamos un tramo asfaltado que coincide co Camiño Portugués en sentido contrario.
No Milladoiro cruzamos polo paso elevado para ascender ao Monte A Cruxeira onde hai un miradoiro que permite ver todo o val.
Distancia horizontal: 9,7 km
Tempo estimado: 3h 15´
Desnivel de subida: 570m
Desnivel de baixada: -467
Tipo de percorrido: Travesía
Alto do Vento
Inicio da etapa: coordenadas
Líña de Autobus: P8 Roxos (almacén) 453 / Roxos (iglesia) 454 / Roxos (Rúa de Muros – Invernadero) 455 / Roxos (Rúa de Muros) 456 / Roxos (Rúa de Muros, 19) 457 / Roxos (Rúa de Muros 459 / Roxos (Rúa de Muros) 460
AC-543 (Estrada de Noia) e na rotonda 42.8747882 -8.61972361 coller a AC-453 ata Alto do Vento 42.8809369 -8.6266493