Etapa 3 A Igrexa (Cesar) – Carballeira de Nemenzo
XIRO DE COMPOSTELA
XIRO DE COMPOSTELA
A etapa empeza deixando á esquerda a igrexa barroca de Santa María de Cesar do século XVIII e nas proximidades o Castro do Casal. Neste primeiro tramo é habitual gozar da presenza de vacas ou cabalos pacendo.
Os nosos pasos diríxense ao río Tambre, que será o noso fiel compañeiro durante varios quilómetros. Se andamos en silencio e cun pouquiño de sorte, poderemos ver patos, garzas e bubelas entre outros. Máis adiante está a área recreativa da Illa do Refuxio que dispón dunha praia fluvial e unha zona de merenda ideal para comer ou descansar, accesible a través dunha ponte. Nesta zona os carballos, salgueiros e amieiros acubíllannos coa súa sombra e unha xenerosa alfombra amarela de prímulas cobre o camiño na primavera.
Continuamos pola pista que bordea o río ata a igrexa de estilo modernista de San Andrés de Barciela de 1917. Na parte dianteira destaca o cruceiro con fuste cilíndrico e capitel abundantemente decorado. Non moi lonxe localízase o Castro de Caluba da idade de bronce. O noso avance desemboca na ponte medieval coincidindo co Camiño Inglés para aproximamos a outro castro, o da Corela, na entrada da aldea do Valado.
Cruzamos a AP-9 e descendemos entre árbores e prados ata a igrexa barroca de San Vicente de Marantes, que está arroupada por unha bonita carballeira. Os nenos poderán desfrutar aquí dun divertido parque infantil. Seguimos por xunto ao cruceiro para atopar o carreiro que nos levará ao noso destino final: a carballeira de Nemenzo, un espazo de case 7.000 metros cadrados perfecto para facer un picnic.
Nas proximidades está o Castro de Santa Cristina e o conxunto relixioso composto pola Igrexa de Santa Cristina de estilo barroco, un cruceiro e a casa reitoral do século XVIII.
Distancia horizontal: 10 km
Tempo estimado: 3h 20´
Desnivel de subida: 417m
Desnivel de baixada: -373
Tipo de percorrido: Travesía
Igrexa de Santa María de Cesar
Inicio da etapa: coordenadas
Autos Grabanxa. Parada: Saida desde a Estación de Autobuses de Sigüeiro
Líña Santiago-Sigüeiro
Estrada Santiago – Sigüeiro