Monte Pedroso

Tradicional lugar de esparexemento para os composteláns e auténtico pulmón verde da cidade.

Exemplo da recuperación ecolóxica do bosque atlántico. Castiñeiros, carballos e bidueiros son as principais especies arbóreas, acompañadas de pequenas masas de coníferas que lles ofrecen protección.

Tamén podemos atopar na súa ladeira outras especies como o toxo, a xesta, ericas…  que confiren ao monte, segundo a estación na que nos atopemos, unha rica variedade cromática, para deleite dos sentidos.

Multitude de carreiros percorren este monte, entre eles, podémonos atopar con  un Vía Crucis franciscano , que conduce á cima do monte. Aí, en pleno cume, atópase unha Cruz erixida no ano 1900 para conmemorar o fin do século XIX .

O seu principal impulsor foi o Cardeal Martín de Herrera. Os afeccionados á arqueoloxía atoparán aquí un conxunto de petróglifos, formados por motivos xeométricos, círculos concéntricos, cazoletas e algunha figura indeterminada con forma de “ C”.