Via Crucis

A pegada da orde franciscana en Compostela, nas faldras do Pedroso

 

Da Costa de Santa Isabel e paralelo ao rego de Bar, parte o Viacrucis franciscano que se encamiña cara á Granxa do Xesto, para culminar na cima do Pedroso.

Vía Crucis é unha mostra da vinculación da cidade con san Francisco de Asís, quen segundo a tradición peregrinou a Santiago en 1214 e foi acollido por Cotolay, o carboeiro que vivía na aba do monte Pedroso, moi preto da capela de San Paio do Monte.

Desde aquí eran frecuentes os percorridos do santo polo monte. O Vía Crucis foi sufragado mediante subscrición popular e inaugurouno o cardeal Martín de Herrera o 16 de maio do Ano Santo de 1909. O Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago recolle na crónica dese día unha multitude de fieis, que non baixaba de 15.000, relatando como a aquel monte xa subira San Francisco.

O Vía Crucis, mostra de arquitectura relixiosa, representa o camiño da cruz ou vía dolorosa. Conta cun total de 14 estacións, seguindo os canons establecidos polo papa Clemente XII, quen en 1731 acorda que os vía crucis debían erixirse na “forma afeita e ata o de agora practicada na devandita orde [a franciscana]; isto é, que sexan catorce estacións, e que as cruces ou capeliñas representen os misterios da Paixón”. As 14 estacións representan a vía de Xesús desde a Ccasa de Pilatos ata o sepulcro. As doce primeiras describen feitos acaecidos no camiño á crucifixión, as dúas últimas corresponden a lugares onde foi levado morto, tal e como describe san Leonardo de Porto Mauricio.

Via Crucis

Significado das estacións:

Estación 1: Xesús é condenado á morte

Estación 2: Xesús carga coa cruz

Estación 3: Xesús cae por primeira vez

Estación 4: Xesús atopa á súa nai, María

Estación 5: Simón, o Cireneo, axúdalle Xesús a levar a cruz

Estación 6: Verónica limpa o rostro de Xesús

Estación 7: Xesús cae por segunda vez

Estación 8: Xesús consola as mulleres de Xerusalén

Estación 9: Xesús cae por terceira vez

Estación 10: Xesús é desposuído das súas vestiduras

Estación 11: Xesús é cravado na cruz

Estación 12: Xesús morre na cruz

Estación 13: Xesús é descendido da cruz, e posto en brazos da súa nai

Estación 14: Xesús é sepultado

Estación 15: Xesús resucita de entre os mortos

Aínda que a configuración inicial deste Vía Crucis respondía os canons establecidos, con 14 estacións, hoxe en día algunhas das cruces desapareceron, en concreto a 2ª, a 4ª e a 7ª.

Como curiosidade diremos que a primeiro Vía Crucis de Galicia do que se teña noticia é o do Convento de Santiago, do que hoxe en día só permanecen algúns restos. Vía Crucis de 12 estacións, que seguiría a liña da muralla do recinto, finalizando na capela de San Paio. Aínda que o Vía Crucis de 14 estacións xa estaba presente en España no século XVII, convivía con outras tipoloxías, e en Galicia particularmente, co de 15 estacións.