Bryophyta

Nome Común: Musgo/brión

Nome científico: Bryophyta

Sabías que?

Hai evidencias de que microfósiles de formas tubulares do Silúrico (hai uns 450 millóns de anos) son en realidade os restos degradados de caliptras dun brión, cando as plantas eran de vida estritamente acuática.

Descrición

Os brións son plantas non vasculares. A pouca presenza de follas profundamente lobuladas ou divididas en segmentos e a ausencia de follas dispostas en tres filas son características distintivas dun brión. Son abundantes e pódense observar en calquera lugar; de tamaño pequeno, crecen sobre os teitos das casas, rochas, paredes, troncos de árbores, muros e sobre o solo, en lugares húmidos xa que o necesitan para a súa reprodución.

Ecoloxía

Os brións desempeñan un importante papel nos ecosistemas en que se atopan. Reteñen a humidade do solo e evitan a súa degradación. Ademais constitúen un importante refuxio de pequenos invertebrados. A recolección indiscriminada de brións resulta moi agresiva para o medio e provoca importantes danos nos ecosistemas.

Usos

Os brións dan fogar e protección a moitos pequenos animais invertebrados: insectos, rotíferos, arácnidos, moluscos e anélidos. Tamén poden servir para material de construción de niños para aves e pequenos mamíferos, por exemplo para o colibrí. Moitas especies posúen a habilidade de fixar nitróxeno atmosférico por medio de colonias de bacterias, así contribúen en gran medida á incorporación deste elemento no ecosistema. Tamén axudan á reforestación natural