O Monte do Viso e a súa senda mitolóxica

Un paseo para descubrir diferentes figuras da mitoloxía galega

O Tardo

A Lamia

Trasno (trasgo) de cor verdoso e ollos grandes que aproveita a escuridade para entrar nas casas e sentar no peito das persoas que dormen, provocándolles dor e pesadelos.

Adoita vestir con roupas vellas, gorro vermello e na cintura leva unha pequena espada afiada.

Para librarse del basta con poñer un cunco cheo de millo ou outro cereal. Como é moi curioso, comezará a contar os grans, pero como só sabe contar ata dez, contaraos unha e outra vez e así pasará a noite sen molestar.

A Lamia

A Lamia

Ser de fábula, metade muller, metade serpe que vive en covas nas proximidades de ríos, fontes e mananciais.

Ten coidado se ves unha, son moi perigosas para os homes, encántanos para devoralos, como as sereas. Precisamente a raíña das sereas así se chamaba, Lamia.

Os biosbardos

Os biosbardos

Criaturas de hábitos nocturnos e fuxidíos, por iso resulta difícil dar unha descrición exacta de como son. Algunhas persoas din que son paxaros ou mozos de gran beleza.

Habitan en bosques ou camiños apartados. Atopar un, é moi bo sinal, terás sorte toda a vida, pero iso si, non llo podes ensinar a ninguén, senón a sorte acábase.

Blanco Amor xa sabía deles e dedicoulles un libro de contos, publicado en 1962, chamado “Os biosbardos”.

O Gatipedro

O Gatipedro

Animal de fábula con aspecto de gato, da súa cabeza sae un corno. Entra polas noites nas casas e naqueles cuartos onde hai nenos ou nenas durmindo sóbese ao seu peito e botan auga polo corno.

A persoa durmida ao escoitar este son, soña que está a mexar e faino de verdade na cama…

Para protexerte destas malas artes, di a tradición popular, que deberás poñer unhas areas de sal diante da porta da habitación e á beira da xanela, porque como ao camiñar o gatipedro tamén se apoia na lingua, ao sentir o sal nela, dá a volta e deixa a nenos e nenas en paz.

A meiga

Herdeiras de antigos rituais e artes ocultas. Coñecedoras da Natureza, das plantas e as súas propiedades, curandeiras tradicionais ás que se acode para solucionar tanto problemas físicos como espirituais, como o mal de ollo.

Entre as súas habilidades, figura a capacidade de facer feitizos e a adiviñación.

É fácil confundila coa bruxa, aínda que, esta actúa sempre con maldade, ten tratos co demo, participa en aquelarres e voa en vasoira.

Unha das meigas máis antigas, segundo a tradición popular é a Dama do Castro, unha meiga boa.

O rei Breogán

Breogán

Segundo o Leabhar Gabhála Érenn ou Libro das invasións, recompilación de lendas irlandesas do século XII, Breogán, fillo de Brath, foi o caudillo celta que someteu as tribos de España.

Tras a súa conquista, fundou a cidade de Brigantia e levantou unha torre de tal altura, que desde a súa cima os seus fillos Íth e Bile podían divisar a verde Irlanda.

Á súa morte, sucédelle o seu fillo Íth. Ao ver Irlanda desde a Torre, parte rumbo a aquelas terras nunha visita de recoñecemento inicial, pero é asasinado polos tres reis de Tuath Dea Danann, o pobo da deusa Danu, como se coñece ao quinto grupo de habitantes de Irlanda, segundo a tradición do Leabhar. O seu corpo é trasladado a Brigantia, onde é enterrado. Os seus descendentes xúranlle vinganza. Pero Mil, neto de Breogán e sobriño de Íth, morre antes da invasión. Serán os seus fillos Eremon, Eber, Ir, Amairgen e Donn os que dirixan a expedición, conquistando a illa e dando lugar ao pobo de mil ou milesios, orixe da liñaxe celta de Irlanda.

O himno galego, que recolle o poema “Os pinos” de Eduardo Pondal, honra a memoria deste caudillo, referíndose a Galicia como fogar e nación de Breogán .

O can do Urco

Breogán

Ten a forma dun enorme can de cor negra, con grandes cornos e orellas.

Sae do mar pola noite, ouveando e arrastrando cadeas, ouvidos que son presaxio dunha morte próxima ou unha desgraza, por iso se coñece como Can do Mar ou Can do Inferno.

Ao chegar a terra, cos seus ladros horribles vai atraendo cantos cans e criaturas da noite vai atopando polos camiños e aterrorizando a quen os escoita.

Antón Fraguas xa o describía como un can enorme «capaz de tragarse dunha soa dentada vinte sacos de solto coa mesma facilidade coa que un burro trágase dous grans de cebada».

A Coca

A Coca

Animal terrorífico con corpo de dragón e ás semellantes ás dun morcego que saen do seu torso. Na súa cabeza os seus ollos cegan como ascuas, os seus dentes son ben afiados.

Xorde do mar e avanza por terra firme para raptar as raparigas máis fermosas sen que ninguén poida impedilo, sementando o terror ao seu paso.

A Coca máis coñecida é a de Redondela, alí conta a lenda que os mozos da vila, fartos das incursións deste monstro mariño, un día armáronse de coraxe e enfrontáronse a ela e, tras unha dura loita, déronlle morte.

Unha vez vencido o dragón, levárono ao pobo, e despois de que dese os seus últimos suspiros, comezaron a bailar ao redor do dragón derrotado, suxeitando as espadas os uns cos outros.

Por iso, para conmemorar esta xesta, o día de Corpus, os mozos bailan a danza das espadas e as mozas a das Penlas, representando a liberación das doncelas das fauces do dragón.

Nubeiro

Nubeiro

Se ves que hai unha forte tormenta ou unha tempestade, ten coidado, posiblemente o Nubeiro está a facer das súas…

Xigante morador dos aires, adoita vestir con traxe de peles e chapeu negro de ás anchas.. Vai cargado de tronos, facendo que as nubes descarguen toda a choiva e sarabia que poidan.

Colle os raios con tenaces de ferreiro e cos seus zocos produce os tronos.

Pero non sempre está polo aire, ás veces baixa á terra onde pode ser recoñecido polas xentes do campo quen, para evitar as desfeitas polas tormentas, páganlle. Adoita saír polas mañás para facer tronar e volve a media noite cargado de cobras e lagartos.

Na festa de Santa Bríxida, celebrada o 31 de xaneiro, datas nas que tiña lugar a festividade celta do Imbolc en honra á deusa Brigid, durante toda a noite os mozos tocaban as campás tentando espantar o Nubeiro.

Os mouros

Os Mouros

Habitantes de mámoas, dolmens e castros, están dotados dunha forza sobrenatural. Nas lendas descríbense con aparencia humana ou como xigantes.

Viven debaixo da terra, onde esconden os seus fabulosos tesouros en labirintos ou covas, tesouros aos que non lle dan moito aprecio.

Xa a guía do peregrino do Códice calixtino, describía Galicia, como un reino “rico en ouro e prata […] sobre todo en tesouros sarracenos”.

Os mouros, ás veces fan negocios ou intercambios con humanos, pagándolles en ouro, a condición de que non conten a orixe do tesouro, nese caso o ouro converterase en pedras ou carbón.

Aínda que son seres máxicos, tamén fan actividades propias dos humanos: cociñan, lavan, teñen animais domésticos, cantan e bailan…

A pesar do que poida parecer, os mouros nada teñen que ver coas persoas de orixe musulmá.

As mouras

A Moura

Criaturas fantásticas asociadas a construcións megalíticas.

Represéntanse como mulleres fermosas de pel branca que adoitan sorprender a algunha persoa solitaria ao amencer, peiteado os seus cabelos louros cun peite de ouro e mirándose nun espello ou ben tecendo fíos dourados.

Cabelo, peite e fíos dourados que simbolizan os raios do sol, do mesmo xeito que o amencer representa a liberación do sol da súa prisión nocturna.

Adoitan propoñer ao camiñante algunha proba, dándolles a elixir entre dous obxectos ou ben quedan con el ao día seguinte, aparecendo no seu lugar unha enorme serpe que lle pide un bico.

Están dotadas dunha forza sobrenatural, mentres fían cunha man coa outra son capaces de cargar na cabeza con enormes pedras.

Ir al contenido