Granxa do Xesto

Granxa do Xesto, un remanso de paz. 83.000 m2 de parque para gozar ás faldras do Pedroso

 

A Granxa do Xesto, situada nas faldras do Pedroso, é un espazo de transición entre parque e bosque. Lugar con encanto, un espazo ideal tanto para o público infantil, como familias ou amantes do deporte ao aire libre, especialmente nos días de sol.

Na rotonda de entrada ao recinto, un poema de Rosalía de Castro rexistrado nunha roca de granito, dános a benvida.

Conta cun parque infantil e unha tirolesa, pequenos lagos alimentados por minas naturais de auga, aos que nos poderemos achegar para escoitar o canto das súas ras escondidas entre nenúfares ou ver pasar algunha colorida libélula, se imos en tempada estival.

Parcela que formou parte dun vínculo (lote de bens e dereitos que se transmitían sen fragmentar por herdanza) que fundou Pedro Xesto Lamas no século XVII. Durante séculos os seus terreos tiveron un uso forestal con cargo á familia Xesto. O último propietario desta saga; Pedro Xesto, médico do Hospital Real arrendou a leira a un pastor, Andrés Varela. En 1784 José Benito Montenegro, fíxose cos terreos, cedéndollos á Real Sociedade Económica de Amigos do País, coa intención de utilizalos como granxa experimental. Tras a súa adquisición polo Concello de Santiago, os terreos comezan a acondicionarse no ano 2000 no marco do Plan especial de acondicionamento territorial e paisaxístico do parque forestal do monte Pedroso.

Lugar de rica biodiversidade, na Granxa do Xesto poderás atopar: pequenas agrupacións de carballos (Quercus robur), soutos de castiñeiros (Castanea sativa), masas adultas de piñeiros (Pinus pinaster) ou bidueirais (Betula alba). Mesturadas entre estas especies existen outras como o teixo (Taxus baccata), a abeleira (Corylus abelá) o érbedo (Arbutus unedo) ou o estripeiro (Crataegus monogyna). Ademais dun exemplar único de cedro de California (Calocedrus decurrens), un dos poucos que se poden atopar na cidade.

Cedro de California

No interior das lagoas hai diversas especies como a herba lameiriña (Callitriche sp), a lentella de auga (Lemna minor), o lirio amarelo (Iris pseudocorus), a carriza (Phargmites australis), o nenúfar branco (Nymphaea alba) e a espadana (Thypha latifolia); e rodeándoas atoparemos árbores como o salgueiro (Salix sp) adaptados ao exceso de humidade.

Para frear a invasión das acacias (Acacia melanoxylon) podemos ver arbustos de tipo atlántico como o toxo (Ulex europaeus), xesta negra (Cytisus scoparius), xesta branca (Genista florida), roseiras silvestres (Rosa sp) e varias especies de breixos (Erica sp).

Esta contorna privilexiada, ademais conta cunha cafetería, na que poderás tomar algo gozando da tranquilidade e beleza do lugar.