Facendo o palleiro

Palleiros, construcións tradicionais de palla e herba seca: arte e enxeño colaborativo

A palla do trigo, centeo e avea da malla almacenábase formando os característicos palleiros. Para a súa construción era necesario un especialista. A palla amontoábase formando a base do palleiro para aguantar mellor a humidade, todo un exercicio de enxeño en acción. Sobre esta base íase colocando a palla e así ía gañando altura e adoptando a súa característica forma cónica.

Veciños de Aríns

A construción do palleiro, como outras moitas tarefas no mundo agrario tradicional, era un traballo colaborativo: os espelidores eran os encargados de darlle para adiante á palla da malla, a continuación outras persoas recollían coa pinza o chaparro (cheas de palla) para botar ao palleiro. O especialista traballaba primeiro subido a un carro, despois a unha escaleira, colocando brazados de palla ao redor ata o seu remate, coa súa característica forma de gran cogomelo.

Como cumio, colocábase un cesto, para que non entrase a auga. Cando non quedaba uniforme, había que retocalo. O centeo adoitábase deixar para o final, xa que por el escorrega mellor a auga e por iso tamén se usaba para cubrir o chapeu.

Recollida da palla

O palleiro remataba coa “carapucha”. Para a súa confección escollíase a mellor palla e atábase cunha vimbia, eliminando os excesos, a continuación volvíase a atar cunha vimbia, e coroábase cun ramo de loureiro. Atábase pola base cunha silva e asegurábase con paus de carballo, a modo de grampas, para que non saltase. Antes da súa finalización, cravábase unha vara no centro, para asegurar mellor a construción. Despois de todo este meticuloso traballo, tocaba festa de celebración, onde non podía faltar o bo comer e o viño do ribeiro. O especialista, a modo de mestre de cerimonias, era o encargado de cortar o xamón, alimento que non adoitaba faltar. Era a mellor festa do ano e facíase unha por cada casa. Estas imaxes cedidadas por veciños e veciñas de Aríns son a memoria viva de unha época non tan afastada no tempo. En Aríns moitos veciños conservan aínda elementos significativos desta gran tradición como son as “palomiteras” (xerras de barro de gran tamaño, típicas destas reunións) e os vencellos (os dispositivos para atar os monllos de palla).

Palleiro

O proceso de construción era similar, un proceso artesanal. Palleiros, antecesores das actuais alpacas ou rolos.

Nas seguintes imaxes podemos observar a evolución deste proceso debido á mecanización.

Ir al contenido