Os muíños son unhas das construcións máis típicas dentro do patrimonio arquitectónico rural galego. No concello de Santiago eran moi abundantes en todos os ríos e regos. A cifra que se baralla supera os douscentos.
Moitos desapareceron ou están actualmente nun estado ruinoso, perdidos entre a vexetación da ribeira coa maioría da súa maquinaria desaparecida. Outros conservan a estrutura, os muros e o tellado… Algúns, aproveitando a súa boa localización, reconvertéronse en vivenda, como pasou con moitos do Sarela na rúa da Ribeira de San Lourenzo ou na corredoira dos Muíños, e poucos rastros conservan do seu pasado muiñeiro.
En Santiago, que saibamos, hai un funcionando nas Brañas de Sar e dous no río Santa Lucía. Son tres duns enxeños que funcionaban todo o ano vinte e catro horas ao día e que deron lugar a un rico e picante folclore que permite imaxinar o que alí se “moía”. Muíños que foron clave para o desenvolvemento da economía do rural desde hai séculos, a carón da cultura popular como se reflicte en ditos, refráns, bailes “muñeira” e cantigas que aluden ao muíño como protagonista
A xente levaba o gran (trigo, centeo e millo) a moer, o que se chamaba “deitar o muíño”, cando o necesitaban para cocer pan ou dárllelo aos animais
A fariña segundo saía da moa, daba tres calidades: a que quedaba máis preto da maquinaria era o óleo que era a máis fina e branca, a que caía ao lado cara a fóra era a míllara, que non era tan fina, e por último nos bordes saía o relón, que era a máis basta, como salvado.
Como curiosidade, e mostra da súa importancia, no verán ou en tempos de seca, os muíños tiñan preferencia para coller a auga que se sacaba dos prados para a rega.