Carballeira de Santa Susana
As árbores da Carballeira, cunha media de idade duns douscentos anos, son dende sempre obxecto de especial coidado e protección, sendo o Carballo (Quercus robur) practicamente a única especie plantada.
Quercus robur L: Quercus é o nome xenérico latino que define calquera carballo. Robur significa vermello, aínda que o adxectivo “robusto”, tamén de “robur”, resulta moito máis apropiado para definir esta árbore grosa e moi resistente. A L. fai referencia á súa clasificación polo botánico Linneo. O Carballo, tamén chamado carballo veriño ou o carballo bravo, é habitante de terras húmidas e pode chegar a vivir máis de mil anos.
Xunto ao veriño, atopamos algúns exemplares máis novos de carballo americano, caxigo e cerquiño camuflados entre a monumental masa de árbores, así como exemplares de pradairo, hedra e buxo. A gran variedade de liques e fungos que viven nos seus troncos completan a flora da carballeira.
Os outros Carballos da Alameda
No Paseo dos Leóns hai aliñacións de carballos aos dous lados do camiño de terra. Forman un bonito espazo a estatua do escritor Valle-Inclán, un exemplar de cerquiño entre as reas de carballo común e a vista da cidade, sobresaíndo a fachada oeste da catedral.
Gardería de Santa Susana (1909) Edificio modernista de Antonio Palacios. No seu momento sala de festas, hoxe escola infantil. As árbores da contorna son un exemplo do uso de carballos con propósito ornamental.
Xardíns do Campo da Estrela
O Campo da Estrela inclúe o Paseo Central e o estanque de Méndez Núñez e preséntannos xa algunhas das árbores máis importantes do parque, ademais dunha extensa colección de orixe oriental: magnolios, acacias, pradairos, cerdeiras de distintas clases, alciprestes, moreiras, pequenas palmeiras, plátanos de sombra, dragos ou sabinas chinesas.
Esta zona concentra gran parte da pompa decimonónica propia da Alameda, inseparable das súas árbores: o quiosco da música, os bancos de Sargadelos ou o banco acústico, curioso enxeño sonoro de principios do século XX. Na foto, algúns destes elementos rodeados de palmeiras e tileiros.
O Xardín de camelias foi plantado con motivo da Exposición Agrícola, Industrial e Artística de 1858 e incluído na ruta da camelia de Galicia. As camelias florecen en invierno e abranguen unha ampla gama de cores do branco ao vermello.