Monte de Deus

 Monte de Deus, un lugar para gozar da cidade vella ao atardecer

 

O monte de Deus, un gran descoñecido, atópase situado no extremo norte de Santiago, no barrio de Vite de Arriba. É un parque público de 30.000 m2 que conta na súa parte superior cun miradoiro desde o cal podemos gozar dunha estupenda panorámica da cidade, tanto da Cidade Vella: Catedral, San Martiño Pinario, San Francisco… como de parte do Santiago “verde”, parques como os da Alameda, a carballeira de Santa Susana, a leira do Espiño ou a selva Negra, entre outros.

Vistas

De pano de fondo, os montes Pedroso e Fontecova, os cumes máis altos que flanquean a cidade. Calquera hora é idónea para gozar da espectacular panorámica que nos ofrece o monte de Deus, pero quizais ten un toque especial, polas cores que ofrece a cidade vella, o atardecer.

Desde o punto de vista botánico, a vexetación do monte está conformada principalmente por toxos (Ulex europaeus), queirogais (Calluna vulgaris, Erica sp., Daboecia cantábrica…), silvas (Rubus ulmifolius), piñeiros do país (Pinus pinaster), carballos (Quercus robur L.), castiñeiros (Castanea sativa), faias (Fagus sylvatica), cerdeiras (Prunus avium) e algún eucalipto (Eucalyptus sp.).

A rica variedade de vexetación confírelle ao monte, segundo a estación, unha bela estampa cromática: o amarelo do toxo, o rosa púrpura do breixo…

Na parte baixa do monte, atopámonos unha mina de auga que abastece un depósito e unha pequena fonte e lavadoiro construídos en granito.

Ir al contenido