Monte do Gozo

Lugar dende o que as peregrinas e os peregrinos divisan, por primeira vez, as torres da Catedral.

Situado a tan só uns 5 quilómetros da Catedral, o monte do Gozo é o lugar de entrada das peregrinas e os peregrinos que chegan a Santiago polo Camiño Francés. O nome de monte do Gozo nace da grande emoción ou gozo que sentían -e senten- as persoas que fan o Camiño ao veren dende este lugar a Catedral de Santiago por vez primeira.

Vista Monte do Gozo

Actualmente, chégase a este pequeno outeiro (379 metros) tras atravesar a aldea de San Marcos. Unha modesta e pequena capela do mesmo nome, marca o ascenso ao monte, que sufriu diversas modificacións ao longo dos anos. Aínda que é difícil precisar o lugar exacto dende o que as e os peregrinos podían avistar por primeira vez a meta da súa viaxe, a Catedral de Santiago, actualmente dispoñen dun miradoiro privilexiado identificable por unha escultura, obra do artista galego Acuña, que representa dous peregrinos que sinalan a Catedral e mostran nos seus xestos o xúbilo que experimentan neste lugar.

VALOR HISTÓRICO
O Códice Calixtino no s. XII, xa se refire a el como “Mons Gaudii”, o Monte do Gozo foi recoñecido dende entón como un dos lugares de maior importancia da cidade de Santiago de Compostela polo gran valor espiritual e emocional que transmite aos seus visitantes. Non só son innumerables as lendas, milagres e tradicións onde se nomea o monte do Gozo, senón que é o segundo lugar máis mencionado do Camiño de Santiago, só por detrás da Catedral. A súa importancia simbólica explica tamén que, no ano 1989, o papa Xoán Paulo II o escollera para celebrar nel os actos centrais da IV Xornada Mundial da Mocidade, acontecemento que congregou medio millón de mozos para escoitaren as súas palabras e axudou enormemente a popularizar o Camiño de Santiago no mundo. Para deixar constancia da devandita celebración, anos máis tarde erixiuse un monumento no alto do monte, obra da artista brasileira Yolanda D` Augsbur Rodrigues. Actualmente, esta escultura retirouse pero mantéñense no lugar catro chapas conmemorativas que antes estaban integradas no conxunto e agora se atopa no chan en forma de cruz.

QUE VER?
O complexo monte do Gozo, cunha superficie que supera as 60 hectáreas, conta con máis de 4.000 árbores e 8.000 arbustos, representa un lugar clave na estrutura de parques verdes de Compostela. No ano 2016 iniciouse o Plan de actuacións do monte do Gozo coa finalidade de revitalizar o seu valor referencial no mundo xacobeo, ademais de recuperar o seu uso como espazo para o lecer, o descanso e a práctica de hábitos saudables da veciñanza e visitantes.
O monte do Gozo conta tamén con algúns espazos arquitectónicos dignos de visitar, como son:

Capela de San Marcos. Obra arquitectónica do século XVIII que se atopa baixo unha fermosa carballeira no inicio do monte do Gozo. O seu estilo está enmarcado nun trazado rural cun campanario metálico e unha fermosa porta principal alintelada. É moi común que as peregrinas e os peregrinos descansen á sombra deste vestixio, antes de emprenderen o tramo final ata a Catedral.
Auditorio. Sala de concertos ao aire libre en forma semicircular con capacidade para 50.000 persoas. Bandas e artistas de fama internacional pasaron por este escenario.
Exemplo da recuperación ecolóxica do bosque atlántico. Castiñeiros, carballos e bidueiros son as principais especies arbóreas, acompañadas de pequenas masas de coníferas que lles ofrecen protección.

Auditorio

Tamén podemos encontrar na súa ladeira outras especies como el toxo, ericas,etc. que confiren ao monte, según a estación na que nos encontremos, unha rica variedade cromática, para deleite dos sentidos.
Multitude de sendeiros recorren este monte, entre eles, podémonos encontrar con un, que conduce á cima do monte. Aí, en pleno cume, se encontra unha Cruz erexida no ano 1900 para conmemorar o fin do século XIX . O seu principal impulsor foi o Cardeal Martín de Herrera.
Os afeccionados á arqueoloxía encontrarán aquí un conxunto de petróglifos, formados por motivos xeométricos, círculos concéntricos, cazoletas e algunha  figura indeterminada con forma de “C”.

Piscinas. Situadas nunha parcela de case 5.000 metros cadrados de zona verde, o equipamento conta con tres espazos para o baño: unha piscina para persoas adultas de 239 metros cadrados, unha piscina infantil e un pediluvio, todo comunicado con plataformas de pedra sobre a auga. Esta intervención foi finalista nos Premios Lledó e nos FAD de Arquitectura.

Piscinas

Miradoiro do monte do Gozo. Situado nunha elevación natural entre as parroquias de Aríns e Bando, é un lugar de grande importancia, pois é o primeiro punto dende o que as peregrinas e os peregrinos poden avistar por vez primeira a Catedral, sendo este un dos momentos máis catárticos da travesía peregrina.

Monumento al peregrino

Na zona do miradoiro pódese atopar A chegada, obra de tres metros de altura instalada no ano 1993 en conmemoración do Ano Santo e que foi realizada polo escultor galego José María Acuña López. Este monumento consiste en dúas estatuas de bronce que emulan dous peregrinos que ven por vez primeira as torres da Catedral, en lembranza dos milleiros de persoas que ano a ano visitan Santiago de Compostela e os seus monumentos milenarios.

Ir al contenido