O Sarela

O Sarela é afluente do Sar e  nace no pé do monte Pedroso. Discorre unha lonxitude duns 10 km, onde acompaña a cidade de Santiago de Compostela polo leste, ata chegar a un lugar de gran beleza no lugar da Ponte Vella da Rocha para desembocar no río Sar.

A ribeira do Sarela é un espazo intensamente humanizado, e ata hai poucos anos tivo unha grande importancia para a economía de Compostela.

No tramo entre a ponte do Arcebispo (hoxe do Carme de Abaixo) e a desembocadura no Sar en Vidán, na ribeira do Sarela atopamos unha sucesión de muíños desde tempos medievais: o muíño dos Cóengos, o de Santa Clara ou da Ponte, o da Carreira, o da Laxe, o dos Chouciños, o das Fogazas, o dos Tortos,  o de Bugallido, o de Vidán, o de Novás…, e case non hai ningún de uso privado. Moitos deles teñen dúas rodas e unha pequena horta para completar os ingresos de quen o explotaba en réxime de aluguer. As leiras a carón do río fornecían de patacas, millo e verdura, como grelos ou repolo, e outros produtos ao cabido da Catedral e a Praza de Abastos, entrando á cidade pola rúa das Hortas. Ademais destes muíños e restos de presas, tamén  atoparemos fábricas en ruínas ou transformadas en vivendas, lavadoiros, fontes, pontes e pontellas. Dende a orixe trátase dun espazo en constante evolución en función dos requirimentos da economía, do lugar e das novas necesidades.

Como consecuencia desta humanización, o río Sarela ten unha riqueza micro toponímica  sorprendente. Na parte que nós imos bordear é chamado río dos Chouciños.

Na súa  auga, se temos paciencia, podemos observar abundante fauna: troitas, escalos ata anguías, zapateiros ou cabaliños do demo.

É sinxelo imaxinar que ese mesmo río que hoxe baixa solitario ao encontro co Sar houbo tempos en que desbordaba de xente e actividade.

Ir al contenido