Historia de Conxo

Escudo do Concello de Conxo
Conxo

Os primeiros datos de poboación datan da Idade de Ferro e atópanse na Volta do Castro. Falamos do xacemento prehistórico do Castriño de Conxo, composto por un castro prerromano e un dos petróglifos máis famosos de Galicia con gravados de diferentes armas da época como espadas, escudos, alabardas…

Na interesante historia de Conxo podemos destacar, entre outros, os seguintes feitos:

En 1129 unha comunidade beneditina feminina recupera e refunda a pequena igrexa que dá orixe ao barrio, construíndo así o mosteiro de Conxo.

Sobre o ano 1240 constrúese o castelo da Rocha Forte, tamén coñecido como castelo dos Churruchaos, símbolo do poder señorial e da opresión aos habitantes por parte do arcebispo de Santiago. Foi destruído na Gran Guerra Irmandiña, posiblemente a maior revolta europea do século XV, entre os anos 1467 e 1469. Hoxe consérvanse a planta e muros de defensa, sotos e gran número dos proxectís de pedra lanzados con catapultas durante a seu asedio.

A historia deste barrio está moi ligada á Universidade compostelá a través do seu mosteiro. Este foi colexio maior universitario a partir de 1700 e algúns dos seus freires profesores da Universidade. O mercedario Martín de Acevedo consegue traer para Santiago as cátedras de Medicina e Dereito en 1649.

Cornes é o lugar de nacemento de Rosalía de Castro en 1827, trátase da maior poetisa de Galicia e autora, entre outras obras, de En la orillas del Sar, publicado en 1884 e un dos seus poemarios máis famosos.

Conxo ten o seu protagonismo na constitución histórica dos concellos, historia que arrinca en 1812 cando as Cortes de Cádiz promulgan a primeira Constitución española. Esta pretende dotar o Estado español dun mellor sistema administrativo, sendo os concellos un dos seus puntos máis importantes, pois pretendíase sacalos do caos e a decadencia na que estaban sumidos baixo o absolutismo monárquico do Antigo Réxime. A reacción absolutista frustrará por dúas veces, 1814 e 1823, estes intentos de reforma.

Morto Fernando VII, baixo o reinado de María Cristina e inspirados polas reformas que procuraban as Cortes de Cádiz, o 23 de xullo de 1835 redactarase o real decreto que regulará os novos concellos, baixo o que se constituirá o de Conxo como concello independente antes de ser barrio santiagués. Este comprendía as parroquias de San Martiño de Laraño, Santa María de Villestro, Santa María de Figueiras,  San Cristovo do Eixo, San Martiño de Aríns, Santa  Baia de Bando e Santa  María de Marrozos, chegando a ter ao redor de 15.000 habitantes.

A ditadura de Primo de Rivera promulgará en 1924 o Estatuto municipal, nova norma reguladora dos concellos de España. Con esta norma, Primo de Rivera pretendía rexenerar a vida municipal e combater o caciquismo, pero isto non ocorreu porque ao non celebrarse as prometidas eleccións, os alcaldes foron elixidos a dedo polos caciques de sempre.

Aínda que o Estatuto municipal de 1924 non conseguirá acabar co caciquismo, acabará co reinado de Conxo como concello independente, xa que a partir de 1925 pasará a formar parte de Santiago.

A actual parroquia de Conxo repártese nos seguintes lugares: Conxo de Arriba, Conxo de Abaixo, Cornes, A Curuxeira, A Fervenza, Monte do Seixo, A Nogueira, Pai da Cana, Ponte da Rocha, Ponte Pereda, O Porto, Poza Real, Rial, Rocha Vella, Torrente e Volta do Castro.

Ir al contenido