Viso milenario

O Viso proporciónanos unha impagable viaxe no tempo: á época dos romanos e tambén ao tempo dos Suevos. Unha viaxe, en definitiva ao Santiago antes de Santiago.

 TOPÓNIMO ROMANO: “VISUS”=VISIÓN

Da época romana (ao redor do século I da nosa Era) sábese dun asentamento poboacional que estaría situado onde hoxe se levanta a Catedral.
Tamén outro máis ao NE, preto da igrexa de San Fiz de Solovio e do barrio de Altamira (a rúa do Castro conserva no seu nome a probable existencia dun asentamento).
Co nome de Aseconia coñécese ese primitivo asentamento. Sería en orixe unha “mansio viaria”, é dicir, unha parada oficial dunha calzada romana (a Vía XIX que ía de Bracara Augusta -Braga- a Asturica Augusta -Astorga- pasando por Lucus Augusti -Lugo-). (Este poboado romano primitivo sería substituído logo por unha necrópole – séculos V-VII).
(Fonte: José Suárez Otero e Manuel Caamaño Xesto en “Santiago antes de Santiago”, 2003, en Historia dá cidade de Santiago de Compostela. Consorcio de Santiago, Concello de Santiago, USC).
Pois ben, o Viso sería o alto onde se “visaba” ou divisaba Aseconia. Orientado ao leste, Aseconia e a cima do Viso, uníanse nunha liña perfecta, coincidindo coa saída do sol nos equinocios.
(Fonte: arquitecto Carlos Sánchez Montaña. “Distrito Altamira” en www.historiadegalicia.gal, 2017).
O actual monte arrastra directo o seu topónimo, o seu nome, desde o latín: a forma “visum” (que é un supino latino) procede do verbo ” videre”= ver, divisar, examinar, revisar. Porque, como dicimos, diante do Viso asomaba Aseconia.
Así o explica o arquitecto e investigador Carlos Sánchez-Montaña:
«En topografía “visar” é un termo antigo aínda en uso que significa aliñar o punto de vista coa referencia utilizada. El Viso é referencia topográfica e de xeoposicionamento do enclave antigo de Aseconia no momento da súa fundación.
A posición do eixo Este-Oeste do enclave romano, o Decumanus Maximo, é reconocible na cartografía histórica e nela compróbase como a súa orientación está ‘visada’ coa cima do monte Viso.
O eixo Decumanus Máximo iniciábase polo leste na porta da cidade fronte á actual Rúa das Trompas, para percorrer a Rúa Tras de San Fiz, Praza de San Fiz, Canellón da Altamira, Rúas de Fonte Sequelo, de Xelmírez, Praza de Pratarías, Rúa de Fonseca, e logo alcanzar a porta Oeste na confluencia das Rúas das Hortas, Campo das Hortas, Pombal e Galeras. Esta liña de visado principal que ordena o resto do enclave é á súa vez o eixo da igrexa de San Fiz de Solovio, un dos templos máis antigos da cidade.»

OS ROLEIROS OU SOCALCOS DO TEMPO DOS SUEVOS (SÉCULO V)

Por outra banda, en recentes traballos arqueolóxicos (comezos do século XXI) apareceron varios socalcos (coñecidos aquí tamén como roleiros, e en xeral en Galicia como bancais). Atopáronse -tanto no Gaiás como no Viso-, estruturas de aterrazamento, destinadas á contención do terreo mediante recheos e muros ergueitos para salvar as pendentes e facelos aptos para o cultivo.
O máis increible destes descubrimentos é a súa datación: remóntanse nada menos que ao século V., por tanto ao tempo dos Suevos. E seguiron empregándose até épocas modernas.
Entón, o Viso e o Gaiás lévannos ás orixes mesmas do sistema agrario galego e da paisaxe rural tradicional, a 1.500 anos atrás.
Despois destes descubrimentos, os arqueólogos tamén deducen que é moi problable que nestes cultivos crecese a vide (sobre todo xa co Cristianismo asentado na alta Idade Media, pois era preciso para a liturxia) e o trigo.
A existencia destes roleiros permite deducir tamén que no Viso habería xa un asentamento humano nese século V. Pensemos que aínda quedaban catro séculos para a fundación da cidade de Santiago (no século IX é cando Santiago se converterá, tras o descubrimento dos restos atribuídos ao apóstolo Santiago o Maior, no primeiro núcleo urbano da Galicia Medieval.
(Fonte: López Alsina).
(Fonte: Felipe Criado e Paula Ballesteros, 2002 na arqueoloxía rural: contribución ao estudo da xénese e evolución da paisaxe tradicional. Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.
-Felipe Criado, César Parcero, et alii, en Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, 2016. Edicións Xerais de Galicia)

Monte do Viso, a vista de paxaro

Ir al contenido