PONTES

Ponte dos Muíños de Carmela

Resulta evidente que unha parte relevante dos pasos que hoxe existen sobre o Sarela son de orixe recente. No mellor dos casos, veñen substituír vaos practicables no verán, ou pontes de madeira. Algunhas pontes actuais están demasiado próximas e poderían ser, simplemente, pontes que substitúen plataformas para dar acceso a unha zona de muíños, unha pontella ou un pasal. Con todo, é ben certo que este fenómeno de pontes próximas tamén podemos atribuílo a reconstrucións de pasos antigos feitas pensando en darlles máis solidez ou mellor protección fronte ás enchentes.

Sen desmerecer as pontes e pasais anteriores, as que nós atravesamos, ou nos quedan máis próximas a este tramo do xiro son as seguintes:

Ponte de Vidán: Ponte dun só ollo. Cruza o río unindo  a cidade cos camiños e pistas que chegan ao lugar de Sarela de Abaixo e á aba do Monte Pedroso. Actualmente está cuberta de asfalto malia o que se poden ver na parte baixa as antigas pedras.

Ponte de San Domingos: En textos antigos aparece co nome de ponte de Santos. Situada xa á entrada de Vidán, á beira da actual estrada de Noia, só conserva un arco case invisible baixo a espesa vexetación que cobre as marxes do río. Polo que queda da súa estrutura, podemos supoñer que esta ponte é anterior  á do Sarela, e tamén que posiblemente foi afectada gravemente por unha enchente do río e nunca chegou  a ser reparada, para quedar logo abandonada. Posiblemente era a ponte de acceso a Compostela que podía seguir dúas variantes, unha que continuaría recta cara á actual Alameda e outra que viría polo barrio de San Lourenzo. Unha vez destruídas, as pontes do Sarela e de Laraño, serían os lugares elixidos para chegar a Santiago.

Ponte dos Muíños de Carmela: está localizada ao leste da desembocadura do Sarela no Sar. Está incluída dentro do Catálogo de bens culturais do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago. Crese que a orixe está no  momento en que se reforzan as peregrinacións a Compostela (arredor do século XII). A morfoloxía sería a característica dunha vía medieval e ao longo do tempo foise modificando segundo as necesidades emerxentes. Asocia o seu nome o muíño de Carmela. Dende finais do século XVI  existe constancia de muíños na zona e destaca a carón da ponte o muíño de Carmela.

Ir al contenido