Cortaderia selloana

Nome Común: Herba da Pampa

Nome científico: Cortaderia selloana

Sabías que?

Identificada por vez primeira en Brasil no S. XIX polo importante naturalista e explorador Alexander von Humboldt, que decidiu homenaxear no nome que lle deu ao seu colega Friedrich Sellow, e importada ao Vello Mundo para o seu emprego, con fins decorativos, principalmente, aínda que tamén como forraxe, a herba da Pampa converteuse neste tempo nunha especie invasora en territorios como California, Nova Zelandia ou a cornixa cantábrica española.

Descrición

Crece desde unhas raíces profundas e amplas en forma de mata densa até chegar a acadar os tres metros de altura. As súas follas, perennes, presentan unha gama de cores que van do verde azulado ao gris prateado, son longas e estreitas e teñen os bordos afiados. As súas flores ábrense a finais de verán en grupos de catro a seis en espigas de 15 a 25 mm.

Ecoloxía

Fóra do seu hábitat endémico é unha especie altamente daniña pola súa tendencia a facerse dominante nos ecosistemas onde se implanta, desprazando deste xeito á poboación vexetal local. A súa adaptación aos climas suaves e húmidos e a súa gran capacidade reprodutiva (cada planta pode chegar a producir até un millón de sementes) favoreceu a súa rápida expansión desde Santander, onde foi vista por primeira vez a mediados do século pasado, até alcanzar Galicia. Está incluída dentro do Catalogo Español de Especies Exóticas Invasoras e prohibida por tanto a súa venda en todo o territorio peninsular.

Usos

As súas flores son moi populares como elemento decorativo en floreiros secos. Como planta medicinal ten usos antipiréticos, diuréticos e sudoríferos.

Ir al contenido