O Camiño de Santiago

Camiño de Santiago

O Camiño xorde en torno ao descubrimento, alá polo ano 813, do lugar onde repousaban os restos do Apóstolo Santiago que tras a morte de Xesús chegara ás terras da Hispania para transmitir os seus ensinos.

No Cronicón Iriense relátase como o ermitán Paio, que vivía no lugar chamado Solovio, no bosque de Libredón, descobre os restos de Santiago o Maior no medio dun gran monte, onde existira un antigo asentamento romano convertido, co paso dos séculos, en necrópole. Un castro cuberto de matogueiras e carballos onde, ao redor dun gran carballo, se escoitaban cánticos e se vían luces e estrelas.

Estes sucesos son postos en coñecemento de Teodomiro, bispo de Iria Flavia, quen comparece no lugar e, tras celebrar unha misa na igrexa de Solovio, comeza a examinar o terreo descubrindo unha cova na que había un altar e unha laxe baixo a cal xacía un cadáver degolado.

Unha inscrición no sepulcro desvela a identidade dos restos achados:

“Aquí xace Xacobe, fillo do Zebedeo e de Salomé, irmán de San Xoán, que matou a Herodes en Xerusalén e chegou por mar cos seus discípulos ata Iria Flavia de Galicia e veu nun carro de bois de Lupa, señora deste campo e de aquí non quixeron pasar máis adiante…”

Teodomiro comunica este descubrimento ao rei Afonso II, que se traslada de Oviedo a Santiago para comprobar o alí acontecido, converténdose así no primeiro peregrino do Camiño. O rei ordena levantar alí onde se descubriu o sepulcro un pequeno templo baixo a custodia de monxes beneditinos. Coñecida a noticia, desde diversos puntos de Europa a xente comeza a acudir a Santiago para venerar os restos do Apóstolo, e así se vai conformando o Camiño de Santiago.

Vía de peregrinación, que alcanzará o seu maior auxe durante os séculos XI, XII e XII, grazas, entre outros factores, ao apoio da orde de Cluny.

E ao redor destas rutas de peregrinación comeza un gran florecemento e empezan a xurdir hospitais, templos románicos e góticos cheos de beleza e coñecemento, mosteiros, pontes e calzadas… para atender os camiñantes.

A visita en 1982 do papa Xoán Paulo II a Santiago, terceiro lugar de peregrinación da cristiandade xunto con Xerusalén e Roma, supuxo un gran impulso para o Camiño.

O Camiño de Santiago, desde a súa orixe foi motor relixioso, espiritual, cultural, artístico, económico…

Camiño cun destino común pero con diferentes rutas: o Camiño Primitivo, os Camiños do Norte, que percorren a cornixa cantábrica, o Inglés, o Francés, o máis concorrido, que discorre practicamente polo paralelo 42 seguindo o Camiño das Estrelas, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués.

Recoñecido como patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola UNESCO, foi un dos elementos claves e vertebradores da construción de Europa, tal e como se condensa na frase atribuída a Goethe:

“Europa fíxose peregrinando a Compostela”

Pero Santiago non só é meta de peregrinación senón tamén orixe doutras peregrinaxes. Lugar desde onde moitos peregrinos e peregrinas deciden continuar o seu camiño ata  Fisterra, aí onde o Sol morre no océano, lugar de entrada ao alén, segundo as tradicións pagás, onde se rendía culto ao astro rei no Ara Solis.

Finisterre , terras da lendaria Dugium, tan vinculada á historia do Apóstolo, cuxo rei, como relata o Códice Calixtino, prepara unha emboscada aos discípulos para impedir o paso dos restos do Apóstol que buscan sepultura…

Neste tramo dos Xiros de Compostela cruzarémonos co Camiño de Fisterra, que parte rumbo ás terras de Dugium, e tamén co Camiño Portugués.

Ir al contenido