Rubus

Nome Común: Silva

Nome científico: Rubus

Sabías que?

A literatura oral popular agasállanos dúas adiviñas:
“Alongada, alongada como unha soga e ten uns dentes como una loba” (a silva).
“branco foi o meu nacemento, verde a miña nenez, vermella a miña madurez e negra a miña vellez” (a amora).

Descrición

Son arbustos con talos provistos dun tipo especial de espiñas que se separan do talo con certa facilidade sen desgarrar os seus tecidos, como as roseiras, erectos, arqueados ou rastreiros. Ten follas alternas. Flores vistosas, cáliz con 5 sépalos. Os froitos son as amoras, formadas por numerosas drupas moi pequenas unidas entre si, de cor vermella e que escurecen ao madurar. De forma moi variable, polo que se poden atopar numerosas microespecies, debido ás condicións ambientais e á súa capacidade de xerar moitos tipos de híbridos.

Ecoloxía

As silvas pódense atopar no Oeste de Europa, noroeste de África, Azores, Canarias e Madeira. Esténdense pola Península Ibérica e Baleares. Viven en matogueiras espiñentas e bosques claros, ata os 1.600 metros de altitude. Soporta chans pobres en nutrientes e materia orgánica.

Usos

En medicina utilízase como adstrinxente, antiséptico, para o tratamento de diarreas, hemorroides, inflamacións orais e de gorxa, fortalecemento de enxivas, tratamento de afeccións cutáneas e como hipotensor, entre outros usos. En moitas zonas de España, os gromos tenros, de sabor acedo e amargo, utilizáronse como verdura comestible para persoas, tanto en cru como cocidos ou en tortilla, pero indubidablemente os seus froitos, as amoras, son as máis consumidas, tanto crúas como en marmeladas, xeleas e sobremesas. Antigamente adoitábanse buscar “bulleiros” (tamén chamados cagadas de avespa) nas silvas secas. Tratábanse de bugallos nos que as avespas depositaban os seus ovos e cando saían, os buracos recubríanse dunha sustancia melosa que os nenos e nenas adoitaban buscar e comer. Tamén se utilizan para a alimentación animal, principalmente de cabras e de porcos ou cabalos. O néctar das súas flores forma parte da maioría dos meles. Elabórase licor de amora, licor tradicional en moitas rexións, viño de amoras e outras bebidas non alcohólicas. O seu uso como combustible é coñecido para acender lume. En casas, edificios e instalacións agropecuarias, utilízanse para facer teitos, cercas, etc. Coas silvas tamén se poden realizar diversos utensilios como arados, trillos, agullas para coser sacos, cestos e recipientes, colmeas, cordas e ataduras, etc. En canto ao uso ambiental, pódese facer referencia a que se consideran moi efectivas para o control da erosión. Debido a que se desenvolve en lugares onde as raíces atopan auga abundante, foi empregada para determinar a calidade agrícola de leiras.

Ir al contenido