Monte Pedra Castro

Monte Pedra Castro, un espazo singular nunha das parroquias máis bonitas de Compostela

O Monte Pedra Castro atópase preto da aldea de Lamelas, na parroquia de Santa Cristina de Fecha, case lindando co municipio de Val do Dubra. Aos seus pés transcorre o río Tambre.

O val do río Tambre, que rega o pé do Monte Pedra Castro, caracterízase pola súa fauna e flora eurosiberiana, rica pola presenza de bosques de folla caduca como as carballeiras e faiais.

Na última década esta zona sufriu unha gran deterioración debida aos numerosos incendios, así como ao uso agropecuario e forestal intensivo. Os lumes, os traballos agrícolas e a intensa repoboación forestal con fins comerciais, contribuíron á propagación das especies arbustivas máis colonizadoras, á degradación do chan e a un empobrecemento do lugar.

Por todo iso, o Concello de Santiago, nos últimos tempos, está realizando importantes esforzos por levar a cabo reforestacións de frondosas autóctonas galegas, como carballos (Quercus robur), sobreiras (Quercus suber) ou bidueiros (Betula celtiberica).

Panorámica en Pedra Castro

O toxo é un arbusto moi xeneralizado. Antigamente utilizábase para facer carbón vexetal.

En Pedra Castro podes atopar un variado elenco de especies:

Especies arbustivas, como breixos (Erica), xestas (Retama sphaerocarpa), toxos (Ulex europaeus), toxos ananos (Ulex minor) e gramíneas. Ademáis, hai xestas (Cytisus scoparius), fieitas (Pteridium aquilinum) e silveiras (Rubus sp.). Formacións das árbores alóctonas, como piñeiros (Pinus sp.) e eucaliptos (Eucaliptus globulus).
A variedade de piñeiros que predomina é o bravo (Pinus pinaster) e algunhas masas de piñeiros de repoboación (Pinus insignis). Frondosas autóctonas galegas, como carballos (Quercus robur), sobreiras (Quercus suber) ou bidueiros (Betula celtiberica).
Pereiras (Pyrus), acivros (Ilex aquifolium), castiñeiros (Castanea sativa), ameneiros (Alnus glutinosa), loureiros (Laurus nobilis), pradairos brancos ou falsos plátanos (Acer pseudoplatanus), arbustos (Arbutus unedo) e cerdeiras silvestres (Prunus avium).

Roble

En relación ao patrimonio cultural, Pedra Castro conta cun asentamento situado cronoloxicamente na Idade de Ferro: o Castro de “Pedra Castro”, castro do que existen referencias bibliográficas desde mediados do século XVIII pero que, polo momento, permanece sen escavar.

O recinto principal do castro ocupa o punto máis elevado do outeiro no que está situado. Posúe un antecastro que se estende polos seus sectores sur e oeste, definido por un pequeno desnivel e situado uns 2 metros por debaixo do anterior.

A croa ten unhas dimensións que varían entre 45 metros (este-oeste) e 50 metros (norte-sur), mentres que as dimensións do conxunto total do castro oscilan entre 60 metros (este-oeste) e 80 metros (norte-sur).

Destacar aquí, doutra banda, outros bens situados na mesma parroquia de Santa Cristina de Fecha na que se sitúa o monte Pedra Castro, bens que, polo seu valor cultural, atópanse incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e que non podes perder. Estamos falando de:

O Conxunto da Igrexa de Belén
A Igrexa da nosa Señora de Belén data do século XVIII e está situada nun recinto rodeado por un muro con balaústre. É de estilo barroco compostelán, cunha planta en forma de cruz latina e unha ábsida a catro augas. A súa fachada é pentagonal e presenta unha porta adintelada, con moldura de orelleira, marcando as doelas e a clave. No vértice superior, sobre unha base prismática, hai dous corpos: un está conformado por arcos de medio punto sobre piares onde se aloxan as campás e o segundo, en forma de cúpula, flanqueado e coroado por pináculos con bóla. Sobre a fachada hai unha xanela cadrada e abucinada cun tornachoivas arqueado.

Detalle del altar de la Iglesia Nuestra Señora de Belén.

Cruceiro no conxunto da Igrexa de Belén
Cruceiro dos chamados “de Cruz”, todo de granito, con plataforma cuadrangular de tres chanzos e unha base de forma cúbica con bocel e mediacana. O fuste é octogonal, empezando e rematando en cadrado. Posúe un capitel cuadrangular con molduras. A súa cruz é romboidal, con remates florenzados e botón central.

Fonte no conxunto da Igrexa de Belén Entre os dous tramos de escaleiras que dan acceso á igrexa pódese atopar, na pedra do muro, unha pequena escultura de pedra que representa á Virxe, así como unha tubaxe por onde flúe a auga que vén, acanalada en pedra, desde unha mina que debe atravesar toda a igrexa.

Palco da Música de Belén
Trátase dunha construción de planta octogonal feita con perpiaños de granito á que se accede por unha escaleira de cinco chanzos e un peitoril de pedra.

Peto de ánimas de Belén. Pequena edificación feita en pedra base de forma rectangular. Enriba da base, sitúanse dúas fornelas abertas na propia pedra, con relevos no interior de traza barroca e de madeira pintada. Unha das fornelas ten no seu interior o peto de ánimas e o outro á Virxe de Belén. A edificación está coroada por unha cruz de pedra de brazos rectangulares.

QUE FACER?
Facer sendeirismo, realizar rutas BTT, correr, gozar da paisaxe, fotografar a contorna ou identificar plantas son tan só algunhas das actividades que poderás levar a cabo no Monte Pedra Castro.

Ademais, empresas especializadas organizan no río Tambre diferentes actividades nas que tamén podes participar, como rafting ou rutas en kaiak.

Ir al contenido